coa diversidade por bandeira
O vindeiro 28 de xuño, Ribadeo sairá á rúa para celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, cunha programación que combina reflexión, arte, música e reivindicación. Baixo o lema “Ribadeo coa diversidade”, o Concello e diferentes entidades locais organizan unha serie de actividades co obxectivo de visibilizar a pluralidade de identidades e defender a liberdade de ser un mesm@.

Rosa e azul: o Concello cos colexios
A programación comezou xa nas aulas, coa actividade “Rosa e azul, o Concello cos coles”, unha proposta educativa que invita a reflexionar sobre os roles de xénero e a importancia de vivir con liberdade e autenticidade. Esta iniciativa traballa coa infancia dende a base, promovendo unha sociedade máis respectuosa e diversa desde idades temperás.
Concurso de mural pola diversidade
Outro dos pratos fortes deste Orgullo 2025 é o Concurso Mural pola Diversidade, aberto á participación de persoas ou colectivos que desexen presentar unha proposta artística inspirada na pluralidade de identidades. A idea gañadora será plasmada nun mural que formará parte do patrimonio urbano de Ribadeo. O prazo para participar está aberto do 13 ao 27 de xuño, e as bases completas poden consultarse na web do Concello.
Celebración na rúa e música no auditorio
O propio día 28, Ribadeo vivirá a súa xornada máis festiva e reivindicativa. Ás 19:45 horas, a rúa será tomada polos sons dos Pandereteiros do Inferno, que achegarán música tradicional con perspectiva diversa. Será unha forma de reclamar dereitos e celebrar a vida, facendo que todas as identidades conten.
A continuación, ás 20:45 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval, terá lugar o Concerto da Coral Polifónica de Ribadeo, que se presenta nesta ocasión baixo o nome de “Orgullosa“. Unha actuación que promete emoción e compromiso, e que serve como broche de ouro para unha xornada especial.
Diversidade con orgullo
A programación deste ano demostra que Ribadeo aposta por un orgullo plural, interxeracional e participativo, que une cultura, arte, educación e celebración para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Porque, como reza o lema da campaña, todas as identidades contan.
Para máis información, podes contactar co CIM Ribadeo, con sede no Auditorio Hernán Naval (Rúa Buenos Aires 14) ou no correo cim@ribadeo.gal.
Debe estar conectado para enviar un comentario.