Ribadeo promove catro charlas sobre o coidado da pel para persoas maiores durante o mes de maio

O Concello de Ribadeo, a través da Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia, organiza este mes de maio un ciclo de catro charlas informativas sobre o coidado da pel, dirixidas especialmente ás persoas maiores do municipio e aos seus coidadores.

Baixo o título “O coidado da pel: manexo e prevención das úlceras por presión”, esta iniciativa enmárcase dentro do programa Preto de Ti, que ten como obxectivo achegar recursos de saúde, prevención e autocoidado ás parroquias.

As sesións estarán impartidas pola enfermeira María Roel, quen ofrecerá contidos sinxelos e útiles para comprender mellor os procesos naturais de envellecemento da pel, así como as claves para mantela en bo estado e previr posibles lesións.

“Aprenderemos a observar e valorar a pel con criterios adecuados, e coñeceremos medidas prácticas para evitar as úlceras por presión, que tantas veces afectan á calidade de vida das persoas maiores”, sinala María Roel.

A concelleira Elena Sierra destaca a importancia desta proposta:

“Moitas veces pequenos xestos poden evitar complicacións graves. Queremos dotar á veciñanza de ferramentas sinxelas e eficaces para protexer a súa saúde e a das persoas ás que coidan”.

Datas e lugares das charlas:
DataHoraLugar
14 de maio18:00 hRibadeo
15 de maio16:00 hCedofeita
26 de maio16:00 hCinxe
27 de maio18:00 hVilaselán

A participación é libre e non require inscrición previa.