
Celebrarase o próximo 12 de outubro de a II Feira do Mercado Social. Organizada polo Concello de Ribadeo e cofinanciada pola Rede EuSumo impulsada pola Xunta de Galicia e á que o Concello de Ribadeo está adherida. Tamén se conta para o seu desenvolvemento coa colaboración de REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia).
A concelleira de Comercio, Marta Saiz indicou que o obxectivo deste mercado social é achegar ao público outro modelo de economía centrado nas persoas, isto é actividades económicas privadas que operan no mercado tendo en conta ademais do interese económico outros fins como o medioambiental ou o social.
Estará aberta ao público de 11:00 ás 20:00 horas e contará coa presenza de entidades de economía social que se achegarán cos seus produtos, servizos e proxectos amosando as súas iniciativas ao público.
Ademais, ao longo do todo o día haberá actividades de lecer e animación como obradoiro e ludoteca para os máis pequeniños, circo e música. Tamén se desenvolverán charlas de divulgación e información sobre economía social e solidaria, favorecendo o coñecemento mutuo dos participantes e abordando temas como o emprendemento a través dos montes e a economía circular. A charla Montes que inspiran dará a coñecer diferentes modelos de xestión sostible dos montes que existen en Galicia. Á tarde poñerase o foco na intercooperación e o autobastecemento enerxético das comunidades de montes a través da charla Alumeámonos”.

A concelleira de Comercio subliñou que “co mercado social queremos pór en valor a capacidade de transformación social que ten a economía social visibilizando proxectos e iniciativas en sectores específicos como enerxías renovables, alimentación sostible, industrias culturais, produtos locais etc.. ademais de dar a coñecer novas vías de emprendemento”.
Achegamos audio de Marta Saiz, Concelleira de Comercio do Concello de Ribadeo
Debe estar conectado para enviar un comentario.